Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Lousame promove un curso gratuíto de Cociña e Repostería con produtos caseiros dirixido a mulleres


Incluído no Programa de Fomento do Emprego das Mulleres, o prazo de inscrición estará aberto ata o 21 de outubro
O Concello de Lousame convoca un curso gratuíto de Cociña e Repostería con recursos caseiros, que se impartirá na primeira quincena do mes de novembro nas instalacións do albergue de Toxosoutos. Unha acción formativa encadrada dentro do Programa de Fomento do Emprego das Mulleres, que conta co apoio da Deputación Provincial da Coruña. As veciñas de Lousame interesadas en participar deberán inscribirse no teléfono do Concello de Lousame (981 820 494) antes do 21 de setembro.

O curso terá unha duración de 30 horas, con sesións tanto teóricas coma prácticas que terán lugar no albergue de Toxosoutos e impartidas por docentes especializados na materia. O obxectivo do curso é que as 20 alumnas participantes coñezan as técnicas para recuperar a cociña do aproveitamento dos recursos propios e poñer en valor a cultura gastronómica como nicho de mercado diferenciado.

Unha vez cubertas as 20 prazas ofertadas, o Concello de Lousame convocará ás mulleres inscritas a unha reunión onde se acordarán as datas e horarios das sesións coa intención de ofertar a maior flexibilidade posible para que as mulleres interesadas poidan conciliar esta formación coa súa vida familiar.

Temario

Durante o curso, estas 20 veciñas recibirán formación sobre a alimentación na cultura galega, nocións sobre nutrición e saúde e aprenderán a sacarlle partido aos produtos de temporada. As alumnas porán en práctica o aprendido elaborando cociña con produtos da horta (hortalizas, froitas, aromáticas..), con fariñas e cereais, a cociña do mar (peixes, moluscos, mariscos e algas), a cociña do monte e ríos (caza, pesca, pequenos froitos, cogomelos, mel) e repostería caseira e tradicional. Ademais, recibirán orientación e asesoramento sobre como aproveitar estes novos coñecementos de cara o mundo laboral.

De aquí a finais de ano, o Concello de Lousame ten previsto impartir outros dous cursos máis dentro do programa de Fomento do Emprego das Mulleres: “Recursos do monte e silvestres” (novembro) e “Informática para mulleres emprendedoras” (decembro). Todos eles serán gratuítos e estarán dirixidos a veciñas de Lousame. Aqueles homes interesados nos cursos tamén se poderán inscribir nunha lista de espera para, no caso de non cubrirse a totalidade das prazas ofertadas con mulleres, poder participar nestas accións formativas.